Anxo Sánchez González, arquitecto

A arquitectura de Tadao Ando (1941 - )

Publicado en O Correo Galego o 29 de xaneiro do 2001

Interior da casa Azuma en Osaka (1975-76).

ARQUITECTURA. Tadao Ando é xunto con Kenzo Tange o arquitecto xaponés máis destacado do pasado século XX, e sen dúbida o máis influínte dos arquitectos do país do sol nacente nas últimas décadas. Se Tange levou a arquitectura do Movemento Moderno en todo o seu esplendor a Xapón, Ando dotou a arquitectura contemporánea dos valores da tradición cultural do país. Tadao Ando é un arquitecto atípico, ex-boxeador e autodidacta que se fixo arquitecto viaxando ó tempo que estudiaba a obra de destacados arquitectos, especialmente de Le Corbusier, arquitecto con mal xenio e moita obstinación, pero tamén delicado, sensible e reflexivo. É unha das figuras clave dos últimos anos do século XX, e será unha peza importante para entende-la arquitectura das primeiras décadas do XXI

A arquitectura de Tadao Ando amosa as posibilidades formais do formigón dun xeito purista, e cunha simplicidade minimalista de formas sinxelas, perfiladas nitidamente e dunha vigorosidade sorprendente. As súas obras son sosegadas, ordenadas, todo está onde debe e na súa aparente sinxeleza recordan o espírito dunha casa de te ou dun xardín zen, pero detrás desa sinxeleza existe unha fonda reflexión, moito traballo e unha planificación dende o todo cara ás partes que abrangue tódolos aspectos do que se observa na súa obra, nada é casual.

Unha arquitectura tan sublime coma a de Tadao sorprende por si mesma pola súa calidade, non é doado atopar arquitecturas así, e coñecendo a traxectoria persoal dos primeiros anos de Ando resulta aínda máis sorprendente que chegase a ser un dos mellores arquitectos do noso tempo.

INICIOS

Tadao Ando naceu en Osaka (Xapón) en 1941 e nesa cidade pasaría a súa nenez xogando nas rúas e baixo os coidados da súa avoa materna, non foi nunca un bo estudiante e segundo el mesmo conta "sempre preferín aprende-las cousas pola miña conta fóra da clase".

Ós dez anos aprendeu a traballa-la madeira cun carpinteiro da cidade, e ós 18 anos empezou a interesarse decididamente na arquitectura visitando templos, santuarios e "casas de te'' de Quioto e Nara, onde aínda había unha boa mostra de arquitectura tradicional xaponesa. Ï mesmo tempo estudiaba a arquitectura actual nos libros que mercaba ou directamente visitando os edificios dos arquitectos que lle interesaban.

Neste proceso de estudio chegou a redebuxar, varias veces, tódolos deseños do primeiro período de Le Corbusier dun libro que mercara sobre o mestre do Movemento Moderno, para así imbuírse das motivacións que o levaran a aqueles deseños. Logo de dedicarse ó boxeo durante algún tempo dedicouse a viaxar vendo arquitectura, nese percorrido viaxou por África, Estados Unidos e por Europa entre 1962 e 1969, no que Tadao considera a súa aprendizaxe autodidacta de arquitectura.

Despois de todo un mal estudiante coma el dificilmente podería ter superado as esixentes probas de acceso da universidade xaponesa. Tadao Ando non fixo a súa aprendizaxe con outros arquitectos, pese a tentalo, xa que sempre o despedían dado o seu carácter obstinado e unha certa intransixencia en temas de deseño, defendida con bastante mal xenio.

En 1969 de regreso en Osaka funda a firma Tadao Ando Architect & Associates.

Os seus primeiros deseños foron de mobiliario, interiores, e algunhas casiñas de madeira e propostas para concursos coma o da reconstrucción da área da estación de Osaka.

Ata 1972 non empezaría o seu primeiro proxecto oficial, a casa Tomishima no barrio de Oyodo en Osaka. Esta casa, nunha parceliña estreita de 47 metros cadrados, remataba unha ringleira de vivendas de madeira anteriores á Segunda Guerra Mundial no centro da cidade.

E nesas circunstancias Tadao realiza por encargo dun bo amigo seu unha vivenda que xa amosa boa parte das características da súa obra. A casa Tomishima, entendida case coma un santuario, presenta unha fonda preocupación pola iluminación natural e pola rigorosidade no uso do formigón armado e de tódolos acabados. Anos despois o propio arquitecto mercaría e ampliaría esta casa para convertela en estudio.

Pouco despois comezaría a facer unha serie de vivendas unifamiliares de pequeno tamaño (ningunha ocupa máis de cen metros cadrados) nas que vai perfeccionando o seu traballo co formigón, onde a luz cobra unha importancia moi destacada ó tempo que acada espacios suxerentes por medio das dobres alturas e das perspectivas interiores apoiadas na continuidade espacial. Destacan as casas Shibata en Hyogo (1972- 74) a Soseikan- Yamaguchi tamén en Hyogo (1974- 75), a Bansho en Aichi (1975- 76) e sobre todo a casa Azuma en Osaka (1975- 76).

Museo Suntory en Osaka (1991-94).

DANDOSE A COÑECER

A casa Azuma, unha vivenda de 65 metros cadrados distribuídos en dúas plantas, supuxo o primeiro paso para que Tadao Ando saltase á fama, con ela acadou o premio anual do instituto de arquitectura de Xapón en 1979.

A Azuma é unha pequena casa entre medianeiras de 3 metros de ancho, pechada ó exterior e centrada no interior, abríndose a un patio central ó que dan as catro estancias principais nas que se divide a vivenda; inserida nunha ringleira de casas de madeira preséntase ó exterior coma un volume rotundo coa única abertura da porta. Nesta vivenda Tadao acada un microcosmos interior luminoso nunha opaca caixa de formigón.

Logo deste éxito Tadao expón os seus traballos en mostras en Hungría, Estados Unidos, España ou Francia, amais de acadar unha interesante carteira de proxectos dentro da cal destacan a casa Matsumoto en Wakayama (1978-80) na que podemos observar novamente cómo colle importancia o espacio interior fronte ó illamento respecto do exterior, a casa Ishihara en Osaka (1977-78) na que segue pechándose ó exterior creando un interior dominado polos muros de vidro moldeado que separan as estancias do patio interior, dándolle unha imaxe entre futurista e irreal.

Despois usaría con profusión os muros de vidro moldeado con especial éxito nas casas Horiuchi (Osaka, 1977-79) e Fuku (Wakayama, 1978- 80).

A consagración coma arquitecto máis alá do ámbito local xaponés viríalle en 1983 da man do Premio de Deseño Cultural Xaponés polo conxunto residencial Rokko I en Kobe (1978- 83); un complexo de vinte vivendas, todas diferentes, nunha ladeira cunhas vistas excelentes pero cunha fortísima pendente de 60 graos que Tadao aproveita para ir adaptando o edificio de xeito que cada vivenda teña vistas variadas dende a terraza, e rachando a uniformidade e maila simetría do conxunto.

Logo desta obra comeza unha serie de exposicións por todo o país e fóra: en Finlandia, Australia, Estados Unidos, Francia, e media ducia de países máis.

Así como premios coma o Alvar Aalto (1985), o do Ministerio de Educación Xaponés (1986) e outros.

Os anos 80 serían anos de consolidación da fama internacional de Tadao Ando, que sae da temática da vivenda, na que se movera ata o momento, e comeza a facer proxectos dunha meirande envergadura, consolidando a súa reputación con obras coma a casa Koshino en Hyogo (1979-84), a clínica Fukuhara en Toquio (1981-85) ou a casa Kidosaki (Toquio, 1982- 85) e a excelente casa Nakayama en Nara (1983- 84).

Ó longo da década dos 80 o estilo de Tadao Ando vai mudando lentamente, se nas obras anteriores a 1985 a súa arquitectura se caracteriza pola creación de espacios interiores de enorme valor a base de patios luminosos e perspectivas interiores, cara ó exterior a súa arquitectura soe ter un aspecto rotundo a base de muros cegos de formigón armado. A partir de mediada a década Ando vai abríndose ó espacio exterior, pasando dunha arquitectura concentrada en si mesma filosoficamente a unha arquitectura na que se produce un diálogo entre espacio interior e espacio exterior. As vistas dos seus edificios, que anteriormente estaban controladas pola propia acción do arquitecto no interior da edificación, agora introducen máis decididamente o exterior. Exemplos desta nova filosofía podemos ollalos en edificios coma os edificios comerciais Time en Kyoto (1983- 91), o edificio TS en Osaka (1984- 85) e noutra das súas máis senlleiras obras, a Igrexa sobre a Auga en 1985- 88 na que o formigón, aínda que non renuncia a el, déixalle paso en importancia ó vidro e mais á utilización arquitectónica das láminas de auga.

A finais dos 80 Tadao confírmase coma unha das figuras máis importantes do panorama arquitectónico internacional con obras de enorme calidade coma a Igrexa da Luz en Ibaraki (1987- 89); o Museo dos Nenos (Himeji, 1987- 89) ou o Museo de Arte Contemporáneo de Naoshima (1988-92).

Pavillón Xaponés na Expo de Sevilla (1989-92).

ARQUITECTO INTERNACIONAL

Aínda que xa era coñecido mundialmente, de ter feito exposicións en numerosos países ou de impartir clases nas universidades de Yale (1987), Columbia (1988) ou Harvard (1990) antes da década dos 90 Tadao Ando non construíra nada fora do seu país, e a obra escollida por este mestre no manexo do formigón armado foi curiosamente unha das meirandes edificacións realizadas en madeira, o Pavillón de Xapón na Expo'92 en Sevilla (España), onde por primeira vez dende a súa xuventude pensou un edificio baseándose na rica tradi ción constructiva en madeira do seu país. O pavillón foi todo un éxito, sendo un dos máis visitados da Exposición internacional.

Tadao voltaría á utilización da madeira no Museo da Madeira en Hyogo (1991-94), nembargantes son experiencias illadas dentro dunha obra caracterizada polo emprego do formigón armado, que se ve acompañado por un reducido grupo de materiais, a madeira, o vidro e mailas carpinterías metálicas, e ocasionalmente a pedra.

Nos anos 90 Tadao Ando xa é un arquitecto internacional, imparte clases en diversas universidades por todo o mundo, forma parte de xurados de importantes concursos internacionais de arquitectura, constrúe xa fora de Xapón edificios representativos e re cibe ducias de premios, entre os que destaca moi especialmente o Pritzker en 1995, considerado o Nobel da arquitectura. Logo virían o Premium Imperiale en 1996 e no 1997 a Medalla de Ouro do Royal Institute of British Architects. A obra de Tadao segue a construírse principalmente en Xapón, pero pouco a pouco vai espallando as súas obras polo mundo, coma o pavillón de conferencias de Vitra en Weil am Rhein (Alemania, 1989-93), a Fábrica Benetton en Treviso (Italia, 1992-97) ou o espacio de meditación na Unesco en París.

Na pasada década o edificio máis destacado que fai Tadao en Xapón é o Museo Suntory en Osaka (1991-94) no que pode ollarse unha certa aproximación ás arquitecturas dun novo valor da arquitectura xaponesa, Toyo Ito, a través dunha volumetría máis arriscada que o que viña sendo habitual nel. Neste edificio, e noutros posteriores coma o Centro de Conferencias Toto en Hyogo (1996) amósasenos a culminación do proceso de apertura da súa arquitectura iniciado mediada a década dos oitenta. Este proceso, amais da inclusión do espacio exterior na súa arquitectura, derivou rumbo a unhas formas máis explosivas, con edificios centrífugos, en claro contraste cos edificios concentrados en si mesmos da súa primeira etapa.

A pesar de ser un dos arquitectos máis importantes dos últimos anos semella que o éxito non vai estraga-la calidade da súa obra coma no caso doutros arquitectos, e o propio Tadao é consciente do seu papel e de cómo actuar. En 1996 dicía respecto dos premios: ``Os premios non son en realidade tan importantes para min, sobre todo en comparación co que levo construído. Síntome honrado ó recibilos, naturalmente, máis fago un esforzo consciente en mante-la atención no meu traballo. [...] Para min é da máxima importancia manter libre o espírito''. Así pode que o século XXI aínda nos depare sorpresas na obra deste arquitecto.

Ando trasladou á arquitectura moderna a riquísima tradición cultural do seu país. A través de edificios construídos cunha reducida cantidade de materiais (formigón visto, madeira sen pintar, vidro) e con formas xeométricas simples, Tadao acadou uns espacios equilibrados, sobrios pero ricos en sensacións, derivadas do coidado traballo en relación co individuo que experimenta a súa arquitectura e cos valores naturais e paisaxísticos do contorno, levando os condicionantes básicos da filosofía xaponesa á arquitectura do século XXI.

Anxo Sánchez González