Anxo Sánchez González, arquitecto

O arquitecto Óscar Niemeyer, un brasileiro universal

Publicado en O Correo Galego o 19 de febreiro do 2001

Óscar Niemeyer.

Óscar Niemeyer forma parte da historia da arquitectura do Movemento Moderno e ó longo de máis de 60 anos de traballo intenso foi quen de situar ó Brasil no panorama da arquitectura do século XX. A obra de Niemeyer entronca directamente cos postulados de Le Corbusier, ó que coñeceu na súa xuventude. Baseándose nunha aplicación reflexionada dos principios indicados por aquel, ó longo da súa obra Niemeyer conseguiu crear unha imaxe da arquitectura moderna en Brasil con proxectos tan coñecidos coma os dos grandes edificios da cidade de Brasilia. Podemos definir a Niemeyer como unha figura dos tempos clásicos do Movemento Moderno que sobreviviu activo para achega-los valores daquel movemento á actualidade

Le Corbusier, arquitecto carismático e principal ideólogo do Movemento Moderno, deixou unha serie de magníficos discípulos polo mundo, entre os que destacaron o catalán Josep Lluis Sert, os xaponeses Kunio Maekawa e Kenzo Tange ou os brasileiros Lucio Costa e Óscar Niemeyer, arquitectos que foron capaces de lles serviren de guía ás novas xeracións de arquitectos.

Niemeyer combina sabiamente a tradición brasileira coas ensinanzas do estilo internacional sen esquece-lo seu compromiso intelectual, social e político; o que fixo que nos tempos da dictadura en Brasil tivese que exiliarse.

INICIOS

Óscar Ribeiro de Almeida de Niemeyer Soares, que sería internacionalmente coñecido simplemente como Óscar Niemeyer, naceu o 15 de decembro de 1907 no barrio de Laranxeiras da cidade de Río de Xaneiro. A súa nenez nunha acomodada familia de seis irmáns sería prácida e feliz. Logo dos estudios primarios e secundarios nun colexio relixioso que remata en 1928, en 1929 ingresa na Escola Nacional de Belas Artes de Río de Xaneiro. Non foi unha elección casual, xa desde neno o pequeno Óscar tiña a teima de debuxar no aire, contan que nunha ocasión na que a súa nai lle preguntou qué estaba facendo a resposta foi "deseñando".

O mesmo ano no que ingresa na Escola de Belas Artes, Óscar Niemeyer casa con Annita Baldo, a muller que o acompañou toda a súa vida e coa que tería a súa única filla, Ana María, en 1932. Nos seus tempos de estudiante Niemeyer traballa por algún tempo no pequeno estudio de Lucio Costa e Carlos LeÆo, a súa relación co primeiro sería decisiva. Niemeyer buscou deliberadamente o contacto con Costa, coñecedor da valía daquel coma arquitecto, xa que tiña tres amigos que traballaban nese estudio.

A ensinanza na escola de Belas Artes tiña enormes carencias, de xeito que os alumnos víanse abocados a seren autodidactas en numerosos aspectos e a busca-los seus mestres fóra da institución. Niemeyer atopou o seu na persoa de Lucio Costa, a quen lle debe a súa orientación como arquitecto, a preocupación pola tradición e polas novas técnicas, amais da súa rápida ascensión á elite da profesión.

Logo de acada-lo seu Diploma en Arquitectura, na Escola Nacional de Belas Artes, e de traballar por un tempo no Servicio do Patrimonio Histórico e Artístico, en 1936 entra novamente a traballar para Lucio Costa, que o invita a participar no deseño da nova Cidade Universitaria de Mangueira. E foi gracias a Lucio Costa como Niemeyer coñeceu a Le Corbusier.

Le Corbusier era coñecido polo seu traballo como arquitecto e polos seus escritos, considerados por Niemeyer coma unha especie de catecismo. Na súa visita a Río de 1936 Costa encargoulle a Niemeyer que fose o asistente persoal do mestre suízo, na súa estadía en Brasil para participar na comisión que deseñaba a sede do Ministerio de Educación e Sanidade. O impacto foi total, a influencia de Le Corbusier acompañaría a Óscar Niemeyer o resto da súa vida. Pouco tempo despois deste contacto faría a súa primeira obra en solitario, a Obra do Berço en Río de Xaneiro (1937), e tanto nos seus debuxos como no estilo do traballo apréciase cómo a influencia do estilo de Le Corbusier é tremenda.

ARQUITECTO MODERNO

En 1939, en colaboración co seu mentor e amigo Lucio Costa, proxecta o Pavillón do Brasil para a Exposición de Nova York. E ó ano seguinte o gobernador do estado de Minas Gerais chámao para construír un Casino en Belo Horizonte, este sería un feito decisivo. En Belo Horizonte entra en contacto co alcalde da cidade, Juscelino Kubitscheck, un xantar e unha conversa entre eles marcou o inicio dun proxecto común: Pampulha, que serve tamén para introducir de súpeto e con todo o esplendor ó Brasil no panorama da arquitectura do Movemento Moderno, máis alá de experiencias illadas. En Pampulha, no 1940, Niemeyer ordena o contorno dunha lagoa, fai un Casino, un Clube de Iates, unha Igrexa e unha Casa de Baile. Os seus proxectos chaman a atención internacionalmente, as súas formas curvas que aproveitan as posibilidades do formigón armado contrastan coa imaxe racionalista da época.

Nos anos seguintes a obra de Niemeyer desenvólvese principalmente en Río, SÆo Paulo e Belo Horizonte, se ben destaca a súa participación en 1947 no equipo internacional encargado do deseño da sede das Nacións Unidas en Nova York.

Entre os edificios no seu país destacan o Centro Atlético Nacional en Río de Xaneiro (1941), a Casa Prudente de Moraes Neto tamén en Río (1944-49), o Banco Boavista en Río (1946), onde dá unha lección de cómo emprega-los muros de vidro moldeado, algo moi novidoso naquel tempo; a Fábrica Duchen en SÆo Paulo (1950) ou os pazos de Exposicións de Ibirapuera (1951-54).

En 1954 realiza a súa primeira viaxe por Europa, indo dende Lisboa ata Moscova, pasando por París, Berlín ou Varsovia. O feito de viaxar ata Moscova non era casual, en 1945 Óscar Niemeyer concretara a súa loita persoal contra a inxustiza social entrando a formar parte do partido comunista do Brasil, unha ideoloxía que non abandonou, pese a que en 1990 abandonase a militancia.

Ó ano seguinte funda a revista Modulo, unha revista cunha filosofía que ía máis alá de ser un simple almanaque de arquitectura, pretendían tamén ter unha orientación didáctica e social; nembargantes, por mor do desinterese dos investidores e pola orientación política de esquerdas desta o proxecto non durou moito tempo.

Museo de Arte Contemporanea de Niterói.

BRASILIA

En 1956, Juscelino Kubitscheck, que acadara o posto de presidente da República e tiña intención de crear unha nova capital para o país no interior do mesmo, invita a Óscar Niemeyer a que se faga cargo do seu deseño. Niemeyer rexeita facerse cargo do ordenamento urbanístico da cidade, tarefa que desenvolverá Lucio Costa, pero acepta proxecta-los edificios da administración.

Brasilia foi a gran oportunidade coma arquitecto que tivo Óscar Niemeyer na súa vida, e sen dúbida alí creou as imaxes mentais que temos da obra do arquitecto, edificios impresionantes, unha cidade cun estilo unitario e Moderno. En Brasilia o seu espírito comunista animou a Niemeyer e Lucio Costa a deseñar unha cidade igualitaria, onde patróns e empregados puidesen vivir nun mesmo barrio, con edificios públicos monumentais e con personalidade propia, acadando que cada proxecto fose singular pero todos dun estilo unitario.

En 1956 Niemeyer empeza a proxecta-los edificios institucionais de Brasilia, para esta nova cidade faría máis de 60 proxectos nos anos seguintes, definindo tódolos edificios representativos da mesma.

En Brasilia faría o Pazo da Alborada (1956-58), residencia oficial do presidente da República, que se nos presenta como unha caixa de vidro rodeada por un pórtico moi innovador de columnas que ían estreitándose moi decididamente ata atopar un apoio mínimo ca cuberta. Idea que repetiría noutros edificios da cidade coma o Pazo de Planalto (1958-60) ou o Tribunal Supremo (1958-60).

Os edificios máis coñecidos de Brasilia son obra de Niemeyer, destacando o Congreso Nacional (1958), que é un dos edificios preferidos de Niemeyer; e que agrupa Congreso e Senado, cada un baixo unha cúpula, sendo a do Congreso unha cúpula invertida. Nembargantes o perfil do edificio vén marcado polos volumes paralelos de oficinas que se erguen como fin da perspectiva monumental da cidade. Tamén faría o que sexa posiblemente o edificio máis destacable da cidade, a catedral (1959-70), un edificio luminoso cunha estructura que recorda as mans erguidas en posición de oración.

En 1959, pese á amizade co presidente da República que intercede por el, a policía política chama a Niemeyer para interrogalo polo feito de que asinase unha protesta a favor de Cuba e polas súas actividades e polas súas intencións como comunista, ó que o arquitecto contestou directamente dicindo que a súa intención era "cambia-la sociedade".

Con moitos proxectos aínda en marcha, o 21 de abril de 1960 Brasilia é inaugurada oficialmente polo presidente Kubitscheck que sería substituído un ano despois na presidencia. Niemeyer recibiría en 1962 unha carta de Le Corbusier na que falaba da cidade nestes termos: "Brasilia está construída. Ollei a cidade nova. É magnífica pola súa invención, a coraxe, o optimismo. Fálalle ó corazón''. O mestre confirmaba a calidade do discípulo.

Se ata 1962 a arquitectura de Niemeyer estivera confinada practicamente na súa totalidade a Brasil, e nos últimos anos á cidade de Brasilia, nese ano proxecta varios edificios para o Líbano, dos que destaca o Centro de Exposicións de Trípoli. Ó ano seguinte proxectará, tamén para fóra de Brasil, a Universidade de Acra (Gana) que non chegou a construirse

O EXILIO

O ano 1964 foi difícil para Niemeyer e para os brasileiros. Óscar Niemeyer viaxa a París e Lisboa na primavera dese ano, e alí en Lisboa, no mes de abril sorpréndeo o golpe de estado en Brasil e maila persecución do Partido Comunista e dos seus amigos. Niemeyer viaxará a Israel, onde fai unha serie de proxectos, pero moi afectado pola situación do seu país. Pese a coñece-las denuncias, o maltrato, as agresións e tortura á que estaban sometidos os seus compañeiros, e consciente da súa impotencia, en novembro retorna a Brasil onde é inmediatamente convocado pola Policía. O arquitecto ten que ver cómo a súa revista Modulo é asaltada e pechada e cómo tentan inmobilizalo profesionalmente. Ademais a constitución de 1966 instaura un réxime represivo e torturador, e neste panorama Niemeyer abandona o país quedando como obra destacable dese período en Brasil o Ministerio do Exército en Brasilia (1967-72) no que puido mante-la súa posición de liberdade no deseño.

En 1965 en París faise unha gran exposición sobre a súa obra no Museo do Louvre. En Francia vese rodeado de amigos e camaradas como Sartre, Buñuel ou André Bretón e acada o permiso para exercer de arquitecto no país.

Alí fará o edificio da Sede do Partido Comunista Francés (1967-71). Durante o ano 1972 Óscar Niemeyer establece un estudio en París e desde alí proxectará edificios principalmente para Brasil, Arxelia, Francia e Italia, a máis dalgúns para estados da Península Arábiga.

Nembargantes eses anos e a década dos 70 foron anos dunha certa frustración na carreira de Niemeyer, fixo interesantes e ambiciosos proxectos que quedaron moitos deles sen construír, en Brasil pola obstrucción do poder, que consideraba que o sitio dun arquitecto comunista como el era Moscova, ou a medio construír coma a Universidade de Constantine en Alxeria (1968). Entre a obra construída neses anos destacan en Italia a sede da Editorial Mondadori en Milán (1968), en Francia a Oficina de Emprego de Bobigny (1972) ou o Centro Cultural de Le Havre (1972-83).

Ata a caída da dictadura en Brasil a calidade e cantidade da obra de Niemeyer reséntese, nembargantes o número de exposicións sobre el, as publicacións sobre a súa obra e os premios e recoñecementos, non deixan de aumentar.

Catedral de Brasilia 1959-70.

RETORNO A BRASIL

En 1982 a democracia retorna a Brasil, e con ela ábrense novas oportunidades á arquitectura de Óscar Niemeyer, que proxectará o Museo de Arte Contemporánea en Brasilia (1982-88) ou o célebre e polémico Sambódromo de Río de Xaneiro (1983), unha estructura de bancadas permanentes desde a que presencia-lo desfile das escolas de samba no entroido carioca e outros actos multitudinarios, e que acolle no seu interior o museo da samba e unhas escolas públicas.

Son anos de gran actividade de Niemeyer, que proxecta bancos, hoteis, vivendas, estadios, mercados, escolas, etc.

Destacan nestes anos os proxectos de escolas populares para Río CIEPS (1984-87), unhas escolas destinadas ós barrios máis desfavorecidos e que acollen tamén servicios múltiples para a comunidade de tipo asistencial e cultural. Outro proxecto moi destacado desta época é o Panteón da Liberdade e da Democracia en Brasilia D.F. (1985-86), edificio cunha volumetría moi expresiva. Niemeyer fai algunhas obras dun carácter marcadamente monumental, conmemorativo e de berro pola paz, a democracia e a liberdade como o xa citado Panteón, e sobre todo o Memorial de Latinoamericana en SÆo Paulo (1986-89), complexo proxecto que engloba salóns de actos, unha biblioteca, esculturas, restaurantes, auditorios e zonas museográficas.

A finais dos 80 Óscar Niemeyer recibe algúns dos galardóns máis importantes que un arquitecto pode acadar, o Pritzker en 1988 (compartido con Gordon Bunshaft) e é nomeado membro honorario do Instituto Británico de Arquitectos en 1989. Nese mesmo ano tamén recibe o premio Príncipe de Asturias das Artes.

Nos anos 90, o xa ancián arquitecto desenvolve unha actividade frenética e fai algúns proxectos moi destacables como o do Teatro Estatal en Araras (SÆo Paulo) de 1990 ó 1992.

Pero destaca sobre tódalas obras desta década o Museo de Arte Contemporánea en Niteroi, no estado de Río de Xaneiro (1991-96), unha das obras preferidas do propio Niemeyer (xunto co Congreso Nacional). O museo de Niteroi, destinado a acoller unha magnífica colección de arte brasileira desde os anos 60 ós 90, sitúase a carón dun acantilado e a súa figura aseméllase a un prato voador que levitase sobre o terreo, a carón do mar. Esta forma foi adoptada para permiti-la visión da paisaxe sen que o edificio a obstaculizase. Nos 90 tamén executou obras para Europa coma a Fundación Luso-Brasileira (proxectado en 1992-93); se se resolven os problemas de financiamento, de máis de sete millóns de euros (case 1.200 millóns de pesetas) que faltan e que teñen a obra parada, pode ser un dos edificios máis destacados da capital portuguesa.

Niemeyer amosa que aínda pasados os noventa conserva unha vitalidade e unha inventiva dignas de envexa, traballando desde as nove da mañá ata a posta do sol no seu estudio, sen dúbida toda unha figura.

Anxo Sánchez González