Anxo Sánchez González, arquitecto

O día de Wright - Frank Lloyd Wright (1867-1959)

Publicado en O Correo Galego o 8 de maio do 2000

Casa da Fervenza en Bear Run.

VISIÓNS DO SÉCULO XX. Máis de 1000 proxectos, 400 construídos e unha influencia ineludible na historia da arquitectura. Frank Lloyd Wright é considerado, case sen dúbidas, como o mellor arquitecto que nunca saíu dos Estados Unidos. A serie que para DESCUBRIR realiza Ángel Sánchez González presenta esta semana a obra do autor da mítica Casa da Fervenza -que non hai moito tivo que ser reforzada para evitar o derrubamento de parte da súa estructura- ou do museo Guggenheim de Nova York. O traballo de Wright non se pode entender, sen embargo, sen a súa conflictiva existencia, na que figuran detencións, o abandono da súa muller e os seus dous fillos ou o asasinato da súa amante -e seis persoas máis- por parte dun perturbado mental. Esta é a súa historia. 

Pódese considerar a Wright como o mellor arquitecto norteamericano do século XX e da historia non só porque o dixese el mesmo senón porque a súa obra, as ideas e maila súa influencia sitúano claramente nesa posición. A figura de Wright non deixa indiferente; sobre el existen infinidade de libros, páxinas en Internet, estudios diversos, reportaxes, CD'Roms, unha canción de Simon e Garfunkel ou un Día de Frank Lloyd Wright; e algunhas das súas obras están dende hai xa moito tempo nos libros da historia da arte como a Casa da Fervenza ou o museo Guggenheim de Nova York. A xenialidade de Wright fixo que sexa un dos poucos arquitectos do século XX recoñecidos pola crítica e polo público, xeralmente descoñecedor no referente ós temas arquitectónicos. 

Wright tivo unha longa vida na que amais do seu labor coma arquitecto se poden atopar escándalos como o abandono da súa primeira muller e dos seus fillos, unha detención por delicto contra dos bos costumes, o asasinato da súa amante e seis persoas mais por parte dun perturbado que incendia o seu estudio e diversas épocas de apuro económico. Sen dúbida unha vida moi diferente da que se podería agardar do fillo dun pastor protestante e dunha mestra, máis ben humildes.

Inicios

Frank Lloyd Wright, nace o 8 de xuño de 1867 en Richland Center, Wisconsin (EEUU), e pasa a súa infancia entre a escola Second Ward en Madison e maila granxa do seu tío materno James Lloyd Jones, na que pasaba os veráns. O traballo na granxa, os valores espirituais inculcados pola súa familia, a paisaxe e mailos estudios de delineación que fai nesa época serían decisivos no seu futuro.

As desavinzas familiares fan que William Wright, o pai, se vaia afastando cada vez máis, ata que no 1885 desaparece sen dar sinais. Nese ano Frank comeza a traballar como deseñador no estudio de Allen D. Conover, director da escola local de enxeñería, ó mesmo tempo que se matricula como alumno libre na universidade local. Mais só permanecería en Madison dous anos máis, xa que no 1887 Frank se traslada a Chicago.

En Chicago traballa no estudio do arquitecto Silsbee, máis cedo consegue ser admitido no prestixioso estudio de Adler e Sullivan, que estaba nesa época realizando o Auditorium de Chicago. Da rápida ascensión de Wright no estudio dá idea o feito de que se lle dese a Wright un despacho propio contiguo ó de Sullivan ó instalarse no ático do Auditorium o estudio en 1889. Con só 22 anos, Wright era o axudante principal de Louis Henry Sullivan, unha das figuras da Escola de Chicago, e un dos responsables do nacemento da cultura do rañaceos. Neses anos Wright coñece as diversas tendencias dentro da Escola de Chicago e vailles tomando unha certa aversión ás grandes concentracións urbanas.

No 1989 casa con Catherine Lee Tobin, coa que tería seis fillos, pide un préstamo e comeza a construcción da súa propia casa, en Oak Park(estado de Illinois). Nos anos que traballa no estudio de Adler e Sullivan, Wright fai unha serie de proxectos clandestinos, á marxe da firma, de edificacións residenciais, cos que vai resolvendo parte das súas grandes débedas.

O traballo de Wright á marxe do estudio non é aprobado por Sullivan e logo dunha forte discusión sobre as condicións do seu contrato abandona a firma, na que traballara case sete anos. Unha interpretación desta discusión levaríaa ó cine King Vidor na súa película O Manancial, na que Gary Cooper interpreta a un arquitecto que mestura algunhas características de Lloyd Wright e Mies

Prairie Houses

Logo de deixar o estudio de Sullivan e Adler, Frank Lloyd Wright establece o seu propio estudio, nos seguintes 15 anos fai ó redor de 150 proxectos, entre os que destacan as coñecidas por Prairie Houses, ou casas da pradería, coas que obtivo un rotundo éxito. Estas son casas marcadamente horizontais que tentan harmonizar a súa silueta coa da paisaxe do medio oeste americano. Son xeralmente vivendas con cubertas pouco apuntadas, que superan o espacio delimitado por muros baixos e fiestras lonxitudinais, muros adiantados que delimitan pequenos xardíns, chemineas macizas, planta baixa elevada con respecto ó terreo, relación coa natureza e coa paisaxe e planta libre.

O pulo decisivo neste novo xeito de construír casas tívoo Wright coa publicación en febreiro e logo en xuño de 1901 de dous dos seus deseños nunha revista de moda na época, a Ladies' Home Journal, o que unido á gran capacidade do arquitecto para a autopromoción fixo que pasase toda a década construíndo casas nos arredores da cidade de Chicago.

Este tipo de vivendas terían unha importante influencia no Movemento Moderno logo da exposición dos seus traballos en Europa no 1910, especialmente no referente á planta libre.

Os máis importantes exemplos das casas que realiza Wright nesta época son a Casa Dana (1899-1900) en Springfield (Illinois), exemplo do encargo que non adoita recibir un arquitecto novo como o que era Wright, xa que era unha casa destinada a acoller unha colección de arte e para actos sociais na que Wright deseñou ata o mobiliario e as vidreiras; a Casa Martin (1904-05) en Buffalo (Nova York) feita para o presidente da compañía Larkin; a casa Coonley (1907-08) en Riverside (Illinois) na que se empezan a observar influencias da arte xaponesa, logo da súa visita a ese país en 1905, e a casa Robie (1906-09) nas aforas de Chicago, esta supón o paradigma das Casas da pradeira, ten unha planta libre artellada ó redor da cheminea, unha serie de terrazas que a protexen da rúa ó mesmo tempo que permiten a comunicación co exterior, unha relación serena coa tecnoloxía empregada (iluminación, calefacción e aire acondicionado) algo moi innovador naquela época e un deseño moi coidado de tódolos elementos do mobiliario.

Outros edificios destacados desa época, amais das Prairie Houses, son o funcional edificio de oficinas Larkin (1903-05) en Buffalo, que se presenta pechado coma unha caixa forte de ladrillo ó exterior e aberto no interior a un luminoso salón central de cadruple altura; ou o templo unitario que realiza en Oak Park (1904-07).

Casa Robie en Oak Park (1906-09).

Exilio e retorno

O ano 1909 supón un momento crítico na vida de Frank Lloyd Wright. O fracaso dun dos seus proxectos máis importantes, a casa McCornick, na que os clientes rexeitaron o seu proxecto para facer unha casa de estilo italiano, xuntouse á aversión que lle causaba o contorno no que vivía en Oak Park e certas tensións familiares; e de súpeto Wright deixouno todo. Abandonou o seu traballo, os clientes e maila familia e fuxiu a Europa acompañado de Mamah Brothwick Cheney, esposa dun cliente para o que fixera unha casa en 1904; rachou co pasado importándolle pouco o tremendo escándalo que provocou o seu comportamento na puritana sociedade da época.

Anos despois o propio Wright explicaría a situación dicindo: "Non sabía o que quería, por eso quixen marchar... Esta fase absorbente e fatigante da miña experiencia de arquitecto rematou en 1909. Pasara dos corenta anos, perdín a miña capacidade de traballo e ata o interese por el. Calquera problema, persoal ou non, pesábame moitísimo. E a rutina doméstica aínda máis... a rebelión atopou o camiño do exilio (...) ó carón da persoa que trouxo á miña vida o ímpeto da rebelión, amais do amor''.

Durante case dous anos viviu preto de Florencia, no outeiro de Fiesole, viaxou por Europa, preparou dúas edicións da súa obra e fixo unha importante exposición en Berlín do seu traballo, que causaría moita impresión nos arquitectos alemáns e holandeses.

En 1911 Wright e a súa compañeira retornan ós Estados Unidos, establecéndose en Spring Green (Wisconsin), terra dos devanceiros do arquitecto, e alí funda Taliesin. Taliesin debía ser unha especie de fábrica, amais de casa e estudio; Wright tiña a intención de levar unha vida non convencional alí. O escándalo de 1909 rachara moitas ligazóns sociais, éticas, afectivas e profesionais. Son tempos de intensa actividade creativa, nembargantes non é unha actividade continua; publica en 1912 un libro sobre pintura xaponesa e fai algúns proxectos entre os que despunta o dos Midway Gardens en Chicago (1914) que lle devolve gran parte da popularidade perdida.

Pero tamén en 1914, mentres Wright se atopa en Chicago, un individuo chamado Julian Carlston asasina en Taliesin á compañeira do arquitecto, Mamah Cheney, ós dous fillos dela e a catro empregados do estudio e de seguido ponlle lume ó edificio. A opinión pública quixo ver unha especie de castigo divino contra quen se rebelara contra a moralidade da época.

Casa da Fervenza en Bear Run- 1938.

Logo da destrucción do seu estudio iníciase no mesmo lugar a construcción de Taliesin II, nembargantes o encargo de facer o Hotel Imperial (1915-22) en Toquio (Xapón) fai que abra un estudio naquela cidade. Trasládase a Xapón en compaña da escritora Miriam Noel, a súa nova compañeira, Wright divórciase por fin da súa esposa Catherine en 1922 e casará con Miriam en 1923. Durante eses anos, fai diversas viaxes a California para supervisar algúns proxectos que realiza alí.

Ó rematar a estadía en Xapón vive en California ata 1924, e alí fará unha serie de edificios dun carácter máis exhuberante que a producción anterior, entre os que destaca a casa Millard (La miniatura) en Pasadena (1923). As casas realizadas por Wright en California presentan un uso recorrente dos bloques de formigón ós que dota dunha respectabilidade impropia do elemento, do mesmo xeito seguen presentes elementos como a planta libre, a relación coa natureza, etc.

A fama do arquitecto recibiría un novo pulo en 1923 cando o terremoto Kanto arrasa Toquio e o Hotel Imperial, construído tendo en conta os terremotos, non sofre dano ningún.

En 1924, esquecido e na miseria morre Louis Henry Sullivan, pouco antes da súa morte cédelle os seus debuxos a Wright, que publicaría dúas obras en memoria do traballo do seu mestre.

Anos da Crise

En 1925 un novo incendio ataca Taliesin e destrúe a casa do arquitecto, moitos documentos e debuxos, incluída boa parte da súa colección de arte xaponesa. Malia estar nunha mala situación económica inicia as obras de Taliesin III, esta vez acompañado dunha nova muller, Olgivanna Lazovich Hinzenburg, coa que terá unha filla (Iovanna) ó ano seguinte, o mesmo ano en que son detidos preto de Minneapolis por un suposto delicto en contrados bos costumes; en 1927 sepárase de Miriam Noel, que morre ós poucos meses nunha clínica psiquiátrica, e casa con Olgivanna en 1928. En 1926, a causa das débedas de Wright o Banco de Wisconsin aprópiase de Taliesin, a situación económica é pésima. Para soluciona-los seus apuros económicos comeza a escribir artigos na The Architectural Record que lle dá uns honorarios moi elevados tendo en conta a súa precaria situación económica, esta situación económica convértese en crítica coa crise de 1929 que paraliza o proxecto dun hotel que estaba facendo para Alexander Chandler en Arizona. Wright non pode facer fronte ás débedas, e converte o estudio nunha sociedade con diversos accionistas, a Frank Lloyd Wright Foundation.

Se os anos vinte foran unha época de innovación e na que entra en contacto cos arquitectos do Movemento Moderno e de experimentación nas súas obras, os anos trinta están marcados pola crise e Wright céntrase en escribir e en proxectos teóricos. En 1932, xunto coa súa muller, Olgivanna, funda a Comunidade de Taliesin, formada por arquitectos, enxeñeiros e estudiantes residentes. Nese 1932 participa na exposición que organiza o MOMA de Nova York sobre arquitectura moderna co proxecto dunha casa na beira do río Mesa.

No período ata 1935 traballa xunto coa comunidade no proxecto utópico da cidade ideal de Broadacre, que se expón no Rockefeller Center nese ano.

Museo Guggenheim en Nova Iorque.

Segunda oportunidade. O Éxito

O pai dun dos alumnos de Wright na comunidade de Taliesin o millonario Edgar J. Kaufmann encargoulle a que sería a obra máis emblemática do arquitecto, unha casa de vacacións no seu medio de Bear Run (Pennsylvania). Alí fixo Wright unha xoia da arquitectura de tódolos tempos: Fallingwater ou a Casa da Fervenza.

Wright non dubidou un intre en que o mellor sitio para construí-la casa era xusto enriba dunha fervenza xunto á que o seu cliente acostumaba a ler nos días de relax. A construcción foi unha aventura, á dificultade que supón facer unha casa sobor dunha fervenza debese engadir o feito de que Wright proxectou unhas ménsulas de formigón armado que aproveitaban as posibilidades do material ata o límite, moito máis aló do que os métodos de cálculo da época podían asegurar; de feito na actualidade lévanse a cabo traballos para asegura-la cimentación do edificio. É unha casa nada convencional: o basamento de apoio, a orde xerárquica, a porta e fachada principais, o tellado inclinado ; todo eso está ausente en Fallingwater.

A Casa da fervenza, executada entre 1935 e 1938, supuxo o inicio dunha etapa de éxitos que non pararía ata a súa morte. De 1928 a 1935 só se construíran dous edificios de Wright e dende 1935 ata 1959 construiranse case 200.

A Casa da fervenza, executada entre 1935 e 1938, supuxo o inicio dunha etapa de éxitos que non pararía ata a súa morte. De 1928 a 1935 só se construíran dous edificios de Wright e dende 1935 ata 1959 construiranse case 200.

Frank Lloyd Wright nesa intensa actividade nos anos da súa vellez (cando remata a Casa da Fervenza ten 71 anos) deixounos marabillas como a realizada para a empresa S.C. Johnson & Son, laboratorios (1936-39) e edificio de investigación (1944-50) en Racine (Wisconsin), na que destacan o singular deseño das columnas das oficinas e a beleza da torre de laboratorios.

En 1938 faría a sede de inverno da Comunidade de Taliesin, en Taliesin West preto de Phoenix (Arizona) seis anos despois da fundación da comunidade.

Pouco despois está traballando nunha serie de vivendas coñecidas coma Casas Usonianas que o propio Wright definiría deste xeito: "Eliminámo-lo ático, o soto, as caixas nas que se subdividía o espacio interno. A sala de estar non será nunca bastante grande, a lareira suficientemente importante, o sentido da relación entre ambientes pechados e paisaxe evidente. Polo que respecta á relación co terreo a casa usoniana nace del, vive con el e convértese nunha parte integrante deste''. Os exemplos máis destacados deste tipo de vivendas son as casas Rosenbaum e maila Winckler-Goetsch, as dúas de 1939.

No 1943, Wright recibe o encargo doutra obra senlleira, a sede do Museo Guggenheim na quinta avenida en Nova York, que se construiría entre 1955 e 1959. É un dos museos máis fermosos do mundo, en vez de longas galerías ou salas pechadas Wright fixo un edificio en rampa ó redor dun luminoso espacio central, o visitante ascende nun ascensor para logo ir baixando nun paseo polo interior do museo.

Outra das obras destacadas desta época é a sinagoga Beth Sholom (1953-59) en Elkins Park (Pennsylvania)

Nos seus derradeiro anos Wright recibe o recoñecemento unánime, premios, exposicións, portadas de revistas e ata en 1956 o alcalde da cidade de Chicago declara o 17 de outubro como Día de Frank Lloyd Wright.

Wright finou ós noventa e un anos o 9 de abril de 1959 en Phoenix, os seus restos entérranse en Taliesin III, Spring Green (Wisconsin) deixou tras de si unha obra de máis de 1000 proxectos, dos que se construíron máis de 400 e unha influencia ineludible na historia da arquitectura.

Anxo Sánchez González