Anxo Sánchez González, arquitecto

O xenio de Gaudí. Antoni Gaudí i Cornet (1852-1926)

Publicado en O Correo Galego o 24 de xaneiro do 2000

Sagrada Familia.

Antoni Gaudí é un dos xenios da arquitectura, naceu no sur de Cataluña nunha familia humilde, estudiou e traballou principalmente en Barcelona nunha época de desenvolvemento comercial, industrial e cultural e fixo obras de grande valía dende o punto de vista arquitectónico, escultórico, plástico e pictórico, así coma en temas de mobiliario e deseño

No ano 2002 cúmplense 150 anos do nacemento dun arquitecto xenial, un arquitecto que, pese a non deixar destacados seguidores, foi clave na historia da arquitectura do século XX e moi especialmente na cidade de Barcelona, que lle debe obras magníficas que definen a cidade.

Cando un pensa na cidade de Barcelona veñen á mente as imaxes de edificios de Gaudí: a Sagrada Familia, a Pedrera, a casa Batlló, o parque Güell... e semella imposible que todas esas obras saísen do maxín dunha mesma persoa, e mais aínda se coñecemos os seus orixes.

Antoni Gaudí i Cornet nacera en Riudóms, moi preto de Reus, o 25 de xuño de 1852, fillo dun caldeireiro, o que significa unha nenez forzadamente humilde; por riba tamén sufriu dende moi pequeno dun problema de reuma, que lle impedía xogar nas rúas coma os demais nenos, e que o acompañaría toda a vida, os médicos prescribíronlle unha dieta vexetariana e moitos paseos. Esta necesidade de movemento, pese ás limitacións que lle supuña a súa doenza foi motivo de que Gaudí fixese numerosas escursións, costume pouco usual naquela época. Tódolos estudios sobre Gaudí sinalan o seu interese pola arquitectura dende os tempos da escola en Reus, este interés fixo que con 17 anos se trasladase a Barcelona para realiza-los seus estudios de arquitectura.

Gaudí compaxinou os seus estudios co trabalo para algúns arquitectos, entre eles Francisco P. de Villar Lozano quen anos mais tarde sería quen comezase as obras da Sagrada Familia. Gaudí non foi un estudiante excepcional pero xa deixaba entrever nos seus proxectos que ou era un tolo ou era un xenio.

Cando Gaudí rematou a carreira de arquitectura tiñan gran predicamento as teorías de Viollet-le-Duc, que reclamaban un novo interese pola arquitectura gótica e polo medieval en xeral, os escritos deste arquitecto francés convertéronse nunha especie de manual para os novos arquitectos da época, e Gaudí non foi unha excepción niso, nembargantes a súa arquitectura non se pode incluír doadamente nun estilo, nin sequera no Modernismo. Nos seus primeiros anos coma arquitecto Gaudí andaba á busca do seu propio estilo, deixándose levar pola corrente dominante en cada momento. Ó remata-los seus estudios Gaudí atopou unha Barcelona en expansión e na que a burguesía estaba no seu mellor momento e interesábase pola cultura. Nese ambiente levaría a cabo Gaudí moitas obras.

No principio da súa carreira profesional fixo algúns pequenos proxectos como un farol para a cidade de Barcelona (o seu único encargo institucional) ou un traballo para a Cooperativa Mataronense, que sería presentado na Exposición internacional de París de 1878, onde coñecería a Eusebi Güell, que sería moi importante na súa carreira.

Disque Gaudí estivo namorado da mestra da Cooperativa Mataronense, nembargantes esta casou con outro home; habería rumores sobre outros amoríos de Gaudí mais este non casou nunca. Gaudí tiña de mozo unha elegante aparencia, co paso dos anos iría trocando esa imaxe de dandy ata chegar a ter un aspecto realmente miserable nos seus derradeiros anos.

Nembargantes, Gaudí aínda non era un arquitecto coñecido cando recibiu o encargo da obra que habería de marcalo na súa vida e na historia: a igrexa dedicada á Sagrada Familia, por encargo da Asociación de Devotos de San Xosé, un proxecto que incluía, amais da igrexa, escolas, talleres, espacios para conferencias, etc. Resulta rechamante que Gaudí fose o encargado de continua-la obra que comezara Villar, co que xa traballara Gaudí mentres estudiaba, xa que ós seus 31 anos nin era coñecido nin tiña unha grande experiencia. Villar so fixera a cripta e unhas columnas, mais o feito xa condicionou a orientación do edificio, aspecto que Gaudí querería ter modificado, nembargantes o proxecto da igrexa é xenuinamente gaudiniano. Logo de recibir este encargo Gaudí, que ata entón tentara demostra-la súa valía como arquitecto, comeza unha carreira en ascenso. Ese mesmo ano recibe o encargo de face-la casa de Manuel Vicens, fabricante de azulexos. Gaudí fixo unha casa cunha planta relativamente convencional, pero cunha fabulosa fachada e interiores nos que destaca a presencia dos azulexos. Nesta casa amosaría un xeito de traballar orgánico, no que se van engadindo ideas novas ás anteriores, unha maneira de traballar que sería moi típica del e que eleva os custos dunha maneira tal que case levou á familia de Manuel Vicens á ruína; nembargantes, a introducción dos azulexos na arquitectura converteuse nunha moda que salvou a Vicens, que era quen os fabricaba. Ó mesmo tempo que facía a casa Vicens, Gaudí traballaba nun dos seus poucos proxectos fóra de Cataluña, unha casa en Comillas (Cantabria) coñecida como El Capricho na que, como na casa Vicens, tamén usa os azulexos, traballados artesoados ou concavidades na fachada, recordando en certa maneira á arquitectura árabe ou persa.

No ano 1884 comeza a primeira obra que lle encargaría Eusebi Güell, as cabalerías e maila entrada, cunha cancela en forma de dragón, da súa leira en Les Corts. Despois virían outros moitos encargos por parte deste mecenas e amigo como o pazo Güell en Barcelona (1886-1888) edificio que gravita en torno a unha fabulosa sala central de cuádruple altura; unhas adegas en Garraf (Sitges) (1895-1897) con moita responsabilidade do seu colaborador Francesc Berenguer; a cripta da igrexa da colonia Güell en Santa Coloma de Cervelló (Barcelona) (1898-1916) e o marabilloso Parque Güell en Barcelona, que orixinalmente ía ser unha urbanización de luxo, da que só se realizaron dúas casas na entrada do terreo (1900-1914).

Pero volvendo a 1887 Gaudí comeza o seu proxecto mais próximo a Galicia, o máis neogótico de tódolos que fixo, o Pazo Episcopal de Astorga, por encargo do bispo Juan Bautista Grau i Vellespinós, que tamén procedía de Reus e que foi un dos protectores do arquitecto. Gaudí estaría traballando nese proxecto, sufrindo as trabas da academia de San Fernando, ata a morte do bispo en 1893. Á morte do bispo, a Xunta Diocesana inmisciuse nos traballos de Gaudí ata tal punto que este abandonou a dirección da obra e xurou non volver pisar Astorga. O edificio non se rematou ata o 1915 e non se respectaron vontades de Gaudí como que a cuberta fose de cor branca, igual có resto do edificio, nunha igualdade simbólica coa cor das vestimentas dos bispos.

Nos anos 1888 e 89 Gaudí traballa noutra das súas obras goticistas, o Colexio Teresiano en Barcelona. É esta unha obra singular na obra de Gaudí polo seu carácter austero, moi en consonancia cos principios de austeridade e temperanza da orde relixiosa que lle facía o encargo. Mais esa austeridade non significa que o edificio non resulte magnífico, é un edifico no que Gaudí traballa maxistralmente o ladrillo e no que aproveita maxistralmente as posibilidades estructurais e estéticas do arco parabólico.

O edificio que pecha a terna de construccións do Período Gótico de Gaudí foi a Casa dos Botines, unha obra menor na producción do artista e que non estivo allea á polémica no seu tempo, nembargantes hoxe é un dos monumentos de interese da cidade de León.

No ano 1898 Gaudí realiza a Casa Calvet no centro de Barcelona, unha obra de estilo modernista, convencional dentro da súa obra, mais dunha calidade tal que fixo que recibise por ela o único recoñecemento oficial da súa vida, unha mención honorífica da cidade. É unha edificación moi refinada e profusamente decorada con motivos florais.

Despois, entre 1900 e 1909, viría unha casa nun outeiro preto de Barcelona, a casa que recibe o nome de Bellesguard (Bela Vista) presenta novamente elementos medievalizantes e numerosos referentes simbólicos catalanistas, amosando a faceta nacionalista do arquitecto. É unha obra na que Gaudí ensaia no interior formas sinuosas, xogos de luz e traballa expresivamente o ladrillo e mailo azulexo, mentres que ó exterior a casa móstrasenos coma un robusto conxunto de planta cadrada e que case semella unha ruína medieval na distancia.

Tamén en 1900 comeza O Parque Güell na zona de Gràcia, declarado Patrimonio da Humanidade, ía ser unha cidade-xardín de luxo mais a cidade non se interesou demasiado por este proxecto e das 60 vivendas proxectadas só se construíu un par, unha das cales foi ocupada por Gaudí, que foi vivir alí coa súa sobriña e co seu pai que tiña xa 93 anos e xa non podía subir escaleiras.

O que ía ser urbanización de luxo quedou convertido en parque e amósanos un Gaudí en plena madurez, no parque Güell hai un traballo sublime nas formas, nos ambientes creados, na excepcional decoración, en definitiva, unha obra xenial. Atopamos paseos simulando covas, adaptándose ó terreo natural, o pórtico de columnas que sosteñen o famosísimo banco ondulado e decorado con mosaicos de azulexo, a entrada coa escalinata dominada por un dragón con escamas de azulexos de múltiples cores... Gaudí realiza un parque que é unha nova natureza entrelazada coa vexetación.

Tamén fai nese período un par de proxectos menores como son unha entrada e un muro para o terreo do fabricante Miralles (1901) e a restauración do interior da catedral de Palma de Mallorca.

No período 1904-1906 un Gaudí xa famoso realiza a reforma da Casa Batlló, desta reforma sae un edificio novo, revolucionario, mol, que recibiría cálidos eloxios de Dalí anos despois polas súas brandas portas de coiro. A casa ten uns interiores exquisitos de formas ondulantes e profusión de cores; unha fachada que non desentoa en absoluto, erguéndose dende unhas columnas que recordan as patas dos elefantes ata unha cuberta que leva á imaxinación lombos de iguanas dragóns ou dinosauros, pasando por balcóns ondulados, brandos como algunhas creacións de Dalí, realizados en pedra de Montjuïc que se traballou ata dar a impresión de ser modelada coma se fose arxila. Este edificio foi vendido hai uns anos por un prezo 10.000 millóns de pesetas superior ó que podería acadar un edificio modernista de calquera outro arquitecto nese mesmo emprazamento.

O ano 1906, en que remata a casa Batlló, Gaudí comeza a que sería a súa derradeira, e máis grande obra civil, a casa Milá tamén coñecida por La Pedrera. A partir desta casa dedicaría tódalas súas forzas e xenio á Sagrada Familia; e foi nesta casa onde Gaudí fixo unha recapitulación das formas polas que se fixera famoso. Hoxe está catalogada como Patrimonio da Humanidade. A casa Milá é unha das imaxes de Barcelona, coa súa porosa fachada ondulada, coa súa terraza chea de traballadas chemineas de formas diversas, coas súas poderosas columnas... Un edificio no que ata a planta é ondulada.

A casa Milá permanecerá na historia da arquitectura como un exemplo único, foi incomprendida e parodiada durante moito tempo mais ó final a fascinación que exerce impúxose ás críticas.

Xa no período da súa construcción, tivo que loitar por supera-la altura permitida e porque os piares invadían a beirarrúa, caso no que Gaudí amosou o seu enxeño xa que o concello quería que os piares se seccionasen na parte que sobresaía e o arquitecto dixo que accedía coa condición de que no lugar se puxese unha placa que explicase o motivo da mutilación; por suposto deixáronlle face-los piares como el quería.

Casa Milá (La Pedrera).

A Sagrada Familia.

A partir do 1914 Gaudí decide dedicarse en exclusiva á Sagrada Familia.

Gaudí recibira o encargo de continua-la construcción da Sagrada Familia en 1883 e traballou nela ata a súa morte, polo que se pode dicir que foi o proxecto da súa vida. Nas distintas fases do seu traballo no templo pódense rastrexar tódalas etapas polas que pasou estilisticamente dende o eclecticismo de xuventude ata o expresionismo da súa obra de madurez.

O complexo da Sagrada Familia incluía escolas obradoiro e outros usos, mais o que resultaba máis importante era a igrexa, comezada por Francisco de Paula del Villar, que abandonou a obra para deixar paso a Gaudí, que convertería o proxecto neogótico iniciado por Villar nun proxecto propio e de estilo Gaudiniano.

A igrexa da Sagrada Familia, cando se remate, o que non está previsto que suceda antes do segundo centenario do nacemento de Gaudí, será un templo de planta basilical lixeiramente neogótica, con tres impoñentes fachadas con catro torres cada unha, dedicadas ós doce apóstolos, cunha torre aínda meirande no cruceiro dedicada ó Salvador e rodeada de catro torres máis dedicadas ós evanxelistas, preto da cabeceira habería aínda unha torre máis, dedicada esta vez á virxe. No interior das torres disporanse os tubos dun xigantesco órgano e campás tubulares de diferentes acordes, co que o son da que quere ser futura catedral se expandiría por toda a cidade. Amais diso, o coro ten capacidade para case 2.000 cantores.

Cando Gaudí toma a dirección das obras fíxoo principalmente por interese profesional, xa que era bastante escéptico fronte ó relixioso, era o seu primeiro gran proxecto. En principio pensaba que podería remata-la obra en poucos anos, no 1886 pensaba que nuns 10 anos. O feito de que se atrasase ata os nosos días é que os plans actuais sexan estar polo menos 50 anos máis amosan o moito que se trabucaba, o motivo deste atraso débese ó modo de traballo de Gaudí, que ía modificando os seus plans progresivamente e engadindo cousas pouco a pouco, á complexidade da construcción, o feito de que moitos elementos sexan artesanais, e o carácter de templo expiatorio que implicaba que o custo da construcción debía pagarse principalmente co diñeiro dos donativos.

A obra chegou a ser tan importante para Gaudí que este decidiu dedicarse por enteiro a este proxecto e pasou os derradeiros 12 anos da súa vida entregado nel. Ó longo da súa vida Gaudí foi evolucionando dende un marcado escepticismo fronte ó relixioso ata unha profunda devoción. As dificultades de financiamento da basílica fixeron que a partir de 1906 a construcción se realizase de xeito intermitente e que as paralizaron totalmente no 1914 Gaudí chegaría a pedir esmola para continua-la súa construcción.

A pesar do optimismo dos primeiros anos ó final da vida do arquitecto non se construíra máis que unha pequena parte da igrexa, a cripta, parte da cabeceira e non toda a fachada leste.

Gaudí morre no 1926, resultou atropelado e arrastrado por un tranvía mentres ía á igrexa de San Felipe Neri a orar, ó velo coa vestimenta pobre que usaba nos seus derradeiros anos, os taxistas negáronse a levalo a un hospital, cousa que tiveron que facer algúns transeúntes, que o levaron ata un hospital de pobres; cinco días máis tarde un cortexo fúnebre de máis dun quilómetro acompañaba ó corpo do arquitecto ata a Sagrada Familia.

A fascinación pola obra e figura de Antoni Gaudí, soterrado na cripta da Sagrada Familia, non deixou de medrar dende ese intre, e a obra da súa vida foi avanzando pouco a pouco, con trabas como a destrucción nun incendio na Guerra Civil de parte do seu arquivo e con achega coma o estudio de diversas universidades do xeito de construí-lo templo axundándose da máis avanzada tecnoloxía de deseño asistido por ordenador, ou a inxección de diñeiro procedente de Xapón que financia boa parte das obras.

Anxo Sánchez González