Anxo Sánchez González, arquitecto

A Casa da Fervenza

Publicado en O Correo Galego o 21 de xullo do 1997

Casa da Fervenza (Fallingwater).

Fallingwater is a great blessing, one of the great blessings to be experienced here on earth Frank Lloyd Wright

A mediados do mes de xaneiro de 1938 os semanarios Time e Life publicaban as primeiras fotografías da casa que Frank Lloyd Wright proxectara para se-la vivenda de fin de semana da familia do multimillonario Edgar J. Kaufmann. A Casa da Fervenza, nome polo que sería coñecido este edificio, cumpre pois sesenta anos e segue a ser un modelo ideal de casa moderna, non só para os arquitectos senón tamén para o publico en xeral. En 1986 no Foro do Instituto Americano de Arquitectos foi declarada como "O máis afortunado exemplo de deseño arquitectónico americano"

Fallingwater está situada nun entorno fabuloso, nunha espesa e frondosa arboreda de loureiros silvestres, rodeada de rododendros e flora silvestre dos Apalaches, sobor dun terreo de rochas de tipo sedimentario, entorno polo que discurre o río Youghiogheny. Neste terreo posuía unha inmensa finca Kaufmann, que amais de ser o pai dun dos alumnos de Wright era tamén o dono duns grandes almacens en Pittsburg e posuía unha fortuna considerable.

Kaufmann encargoulle a Wright que lle fixese unha residencia campestre na finca que posuía en Bear Run (Pennsylvania), e Wright non dubidou un intre en que o mellor sitio para construi-la casa era xusto enriba dunha fervenza xunto á que o seu cliente acostumaba a sentarse a leer nos días de relax.

Dende un primeiro momento o proxecto adquiriu un carácter mítico, xa que os discípulos que traballaban con Wright naquel tempo divulgaron a historia de que este non traballara no proxecto da casa, ata o día en que avisou a Kaufmann para mostrarlle o deseño da mesma, en duas horas trazou tódalas prantas do edificio e os propios discípulos tiveron que debuxa-los alzados mentres arquitecto e cliente xantaban xuntos. Lenda ou realidade, o certo e que Wright non se puxo a debuxar ata que tivo ben claro na sua mente coma ía ser Fallingwater.

A construcción da Casa da Fervenza foi outra aventura, á evidente dificultade que supón facer unha casa sobor dunha fervenza debese engadir o feito de que Wright proxectou unhas ménsulas de formigón armado que aproveitan as posibilidades estructurales do material ata limites fantásticos, tanto que en varias ocasións os enxeñeiros consultados por Kaufmann pronosticaran que as terrazas non resistirían, opinión que compartía o constructor e mailos obreiros, que se negaron a quita-los puntáis que sostiñan o encofrado do gran voladizo, e tivo que ser Wright en persoa quen quitase o primeiro.

O arquitecto, que nunca na sua vida se caracterizou pola sua modestia (según algúns a única virtude dos que non teñen outra) consideraba que esta casa era unha xoia, unha obra de arte que nunca se podería pagar con diñeiro, que era algo que Kaufmann tiña de sobra, nembargantes non se deixou convencer pola extravagante idea que din que tivo Wright de recubrir parte do exterior da casa con "pan de ouro", para acentuar máis o sentido do edificio coma xoia engastada no entorno natural.

E así fai sesenta anos rematábase o que o propio arquitecto definiría así: Fallingwater é unha gran bendición, unha das grandes bendicións que poden experimentarse aquí na terra. Wright intentou poñer nunha estreita relación ós habitantes da casa co entorno natural no que esta se atopa, e acadou o seu obxectivo, coma se pode apreciar en cada recuncho da casa e dos arredores.

Zona de entrada á Casa da Fervenza.

Para chegar á casa debese cruzar unha pequena ponte por riba do regato e accédese ó interior dende un espacio cuberto por unha pérgola de formigón entre a casa e a montaña. Un camiño semicircular cuberto une a casa ca vivenda de hospedes, que se atopa un chisco máis arriba na montaña.

Fallingwater constructivamente ten tódolos elementos verticáis construidos na pedra do lugar, e cunha disposición cun fondo sentido escultórico na que as pedras non están perfectamente enrasadas entre ellas senón que se manifestan cunha certa arbitrariedade, valorizando moito a textura do muro. Os elementos horizontáis están feitos en formigón, máis cos bordes lixeiramente redondeados, co que se acada unha imaxe moito máis amable, e pintados en cor crema dun ton suave. O chan está pavimentado ca pedra do lugar, a mesma que os muros. As fiestras teñen as carpinterías de cor vermella, que destaca moi favorablemente na sua combinación ca pedra. Todo o traballo en madeira da casa está realizado en nogal cunha gran maestría en tódolos acabados.

O piso principal, dominado polo espectacular salón ten vistas en tres direccións, con saida ás terrazas en duas delas: unha augas arriba e outra sobor das rochas e das fervenzas. Na pranta superior cada unha das habitacións ten a sua propia terraza e na terceira pranta o estudio e a galería teñen acceso a outra terraza máis.

A casa foi usada coma vivenda de fin de semana pola familia Kaufmann ata que en 1963 foi cedida, xunto cos terreos que a rodean, por Edgar Kaufmann Jr. á Western Pennsylvania Conservancy, sociedade dedicada á conservación do patrimonio ambiental. Esta sociedade é ainda hoxe a encargada da conservación do entorno de Fallingwater, convertida agora nun museo onde a obra exposta é a propia casa e mailo entorno que a rodea.

Fallingwater é unha edificación singular, está nun lugar privilexiado, foi proxectada por un arquitecto xenial e tivo un bo cliente, que lle deixou facer. Todos estos elementos axudaron a conformar unha casa nada convencional, na que fallan os compoñentes da casa tradicional: o basamento de apoio, a orde xerárquica, a porta e fachada principais, o tellado inclinado; todo eso está ausente na Casa da Fervenza. É según se reflexaba nun estudio sociolóxico de fai case unha década, a casa ideal: bonita, amplia, nun entorno suxerente, cómoda... Sen dúbida toda unha lección para os facedores de chalets "suizos" que tanto proliferan.

Anxo Sánchez González