|
A vivenda do futuro: o Proxecto Casa Barcelona |
| Pubricado en O Correo Galego o 27 de agosto do 2001 |
| Buscando en Internet a expresión "Casa do Futuro" atopamos máis de cincocentas referencias (case dez mil facendo a busca en inglés), pero de entre estes milleiros de páxinas con propostas, sobre o que será a vivenda que usaremos neste século que comeza, poucas pasan de ser propostas tecnolóxicas, fogares hiperconectados, cheos de tecnoloxía, casas "intelixentes". Ese tipo de propostas aseméllanse en boa medida ás imaxinadas pola ciencia ficción nos anos 50 ou 60 e que pouco teñen que ver cas que gozamos na actualidade; así pois ¿cales son as características que terá realmente a casa do futuro? |
![]() exemplo senlleiro da arquitectura do S. XX |
Angel Sánchez González
O problema da vivenda cobrou unha gran importancia teórica co movemento moderno, onde se estableceron as grandes liñas que marcaron o deseño destas no século XX, pero nas últimas décadas poucas propostas se enfrontaron a este problema dende unha óptica seria e reflexiva, nembargantes fai uns meses, na feira do sector da construcción de Barcelona "Construmat", presentouse unha aproximación ó tema, o "Proxecto Casa Barcelona", avalado polo traballo de cinco equipos punteiros no panorama arquitectónico. Antes de que o Movemento Moderno tratase en profundidade o tema da vivenda, este fora un tema sobre o que practicamente non se teorizara no mundo da arquitectura, e que incluso non era unha tarefa que os arquitectos abordasen, sendo responsabilidade dos mestres de obra, sendo as únicas vivendas deseñadas por arquitectos os pazos e algunhas vilas, e aparte dos deseños de vilas dos romanos, esquecidas co paso dos séculos, neste terreo non se avanzou moito ata o renacemento, cando Leonardo ou Palladio abordaron en parte ese tema. |
|
No eido do deseño de vilas e pequenos pazos débeselle moito a Andrea Palladio, arquitecto renacentista que fixo algunhas casas sublimes na zona de Venecia coma a Vila Rotonda ou a Vila Foscari. A influencia estilística de Palladio prolongouse durante máis de dous séculos, sendo Inglaterra onde esta influencia se fixo máis evidente. Nembargantes non se estableceu un debate sobre as características funcionais da vivenda ata finais do século XIX. A fins do século XIX toman importancia os criterios hixienistas e racionalistas e este tipo de consideracións aplícanse ás vivendas, reclamando unhas condicións de salubridade, soleamento e distribución que preparan o terreo para que o Movemento Moderno tome a vivenda coma unha das súas principais preocupacións. Esta situación xorde nun momento no que os barrios obreiros de infravivendas empezan a tomar importancia, e na que a revolución médica reclama medidas hixiénicas en tódolos ámbitos; situación que fai que se aborde o tema da edificación de vivendas dende máis alá que os criterios exclusivamente estéticos. Son destacables os deseños de arquitectos coma Toni Garnier, Auguste Perret ou Adolf Loos, que inauguran o século XX cunha mentalidade nova na concepción das casas. Estes deseños deron lugar a vivendas con distribucións que separaban os usos en zonas de día e de noite, primouse a iluminación e ventilación natural das estancias ou universalizaron a presencia dos aseos. Cabe lembrar que ata o século XIX a presencia de aseo non era habitual nas vivendas, como se pode comprobar en Galicia en moitas casas labregas e mesmo pazos, que carecen desa estancia, incluso no luxosísimo pazo de Versalles os cortesáns do Rei Sol facían as súas necesidades nos corredores, nos xardíns ou nas cortes.Os grandes arquitectos do "Estilo Internacional", no período de entreguerras logo da devastación da I Guerra Mundial, amosaron unha especial preocupación polo tema, deseñando casas que tiñan moi en conta criterios de funcionalidade, teorizando sobre o tema e poñendo as súas ideas en común en congresos de arquitectura. Así podemos ollar agora os excelentes deseños de F. Ll. Wright coma a Casa da Fervenza, as vilas deseñadas por Le Corbusier coma a La Roche a Vila Saboia ou as concepcións de bloques de vivendas expostos nas "Unités" ou tódolos traballos dos arquitectos da Bauhaus. No movemento moderno prendeuse o interese pola vivenda, reclamando vivendas adaptadas ás necesidades do home, ben iluminadas, cunha axeitada ventilación, distribucións de espacios lóxicas, etc. O éxito do Movemento Moderno en todo o mundo universalizou un xeito de construír vivendas que conforma a imaxe das cidades actuais, pero máis alá de diferencias estilísticas tamén limitou en boa medida as propostas sobre a vivenda, quedando estas coma experiencias illadas de reflexión sobre as posibilidades e necesidades da "Vivenda Mínima" ou da prefabricación nos anos 60 ou con propostas máis transgresoras e revolucionarias como as de Cidades que camiñan, somerxidas, etc. Nos últimos anos as propostas, normalmente superficiais, limítanse a fogares hipertecnolóxicos, con custos desorbitados e que dificilmente poderán estenderse masivamente; non cabe dúbida de que a tecnoloxía vai collendo posicións nos fogares a través de sistemas de conectividade e interactividade, electrodomésticos "intelixentes" e múltiples aditamentos tecnolóxicos, pero estes non son os que definirán a arquitectura que nos agarda. Son pois propostas máis dende os fabricantes de ordenadores e electrodomésticos que dende a perspectiva dos arquitectos ou dos promotores. Así pois a situación no que o problema da vivenda se atopa é de estancamento, xa que case non evolucionou dende a década dos anos 20, na que se estableceron as bases do programa residencial (burdamente resumido no "cociña, salón-comedor e tres dormitorios"). Fronte a esta perspectiva promoveuse dende a Feira da Construcción de Barcelona (Construmat) a realización dunha iniciativa que debía analiza-las deficiencias da vivenda actual, establecer unhas bases realistas de cambio e en colaboración con arquitectos e empresas de primeira liña facer unha proposta sobre o tema, esta proposta foi presentada en abril do 2001 baixo o nome de "Proxecto Casa Barcelona".
|
|
|
Infografía do interior da cociña do proxecto "Casa Barcelona" (2001) |
|
|
O pROXECTO CASA BARCELONA O primeiro paso deste proxecto foi analizar as principais deficiencias da vivenda actual, que se resumen en tres apartados: Diversidade, Cambio e Perfectibilidade. Diversidade. A diversidade da sociedade actual fai que non se poida englobar a tódalas familias no convencionalismo de parella con dous fillos. A reducción da natalidade (lembremos que Galicia é unha das zonas con menor natalidade do mundo, con 0'8 fillos de media por parella) fai que numerosas vivendas estean ocupadas por parellas soas, ou por persoas soas, ben por propia decisión ou por separación ou enviuvamento. Por outra banda outro fenómeno mudou a evolución dos grupos familiares, os xoves que cada vez tardan máis en emparellarse de xeito estable, e que non marchan da casa ata pasados os 30 anos en moitos casos; nembargantes estes xoves fan da súa habitación unha especie de apartamento ocupado polo equipo de música, televisor ou invitados, dificilmente encaixable nunha habitación de 8 m2, co que a tendencia invasora no resto da casa é patente. Esta diversidade bate frontalmente ca rixidez dos deseños das vivendas existentes, así pois hai que afrontala dun xeito directo. Cambio A sociedade, e o mundo en xeral está nun proceso de cambio constante, pero a técnica constructiva evoluciona minimamente polo medo comprensible dos promotores a tomar riscos. Este fenómeno provoca que cando os ocupantes dunha vivenda fan modificacións na mesma, para tentar adaptala ás situacións diversas ou de cambio expostas no apartado anterior, estas saen caras, deixan a casa esnaquizada e implican a un bo número de oficios diferentes. Por exemplo, mover un tabique dun aseo implicará normalmente o concurso de albanel, fontaneiro, alicatador, xesista, pintor e electricista, ca complicación de coordinalos a todos que iso implica. Para afrontar esta necesidade de cambio é precisa a flexibilidade da vivenda, unha vella aspiración da arquitectura. Perfectibilidade As vivendas actuais están pensadas de xeito que é complicada, senón imposible, a súa mellora de calidade por adicción. Calquera mellora pasa por derruba-lo anterior e comezar de novo, ó non estar previstas estas modificacións no proxecto. Así pois debería reducirse a vivenda ós seus elementos esenciais, previndo a súa mellora ou ampliación futura; proxectar vivendas "perfectibles". A solución ós problemas estudiados abordase a través de tres consignas, "A Vivenda Caixa" entendendo esta coma un volume sen compartimentar, agardando polas necesidades específicas dos ocupantes; "A Vivenda Perfectible" unha vivenda adaptada ás modificacións futuras para introducir novas instalacións ou modificar a compartimentación; e a "Vivenda-Oficina", este apartado fai referencia a adoptar usos xa extendidos nos edificios de oficinas ó campo da vivenda, un núcleo de accesos e servicios coma único elemento ríxido, limitar ó máximo a compartimentación interior, instalacións a través de conductos claros e rexistrables para favorece-lo mantemento, chan rexistrable para pasar novos canleados. A proposta suxire, en fin, que o promotor aportase unha vivenda valeira pero na que fose doado e económico adaptala ás necesidades e presuposto presentes e futuras dos ocupantes. Todas as ideas expostas non servirían de moito se non se demostraba a súa factibilidade, tanto dende unha perspectiva técnica coma económica, había que amosar que se podía atender á diversidade, facilita-lo cambio e facer posible a perfectibilidade da vivenda. Sen esa demostración non sería posible tentar convencer a un promotor para que se aventurase a construír deste xeito; e aínda así sería difícil, pero xa non necesariamente un imposible. Para levar a termo esta tarefa encargóuselle a catro empresas de recoñecido prestixio (Technal, Simón, Fagor e Ideal Standard) e cinco equipos de arquitectos de todo o mundo que investigasen propostas en torno a cinco campos que definirían os elementos máis importantes da vivenda, a saber, a fachada, a tabiquería, o chan, a cociña e mailo baño. Encargóuselle un aspecto a cada arquitecto en colaboración cunha empresa. Ben Van Berkel encargouse, en colaboración ca empresa Technal, do deseño dunha "Fiestra Perfectible". Esta sería unha fiestra de custo competitivo pero que permitise controla-la cantidade de luz que a atravesa, en función das necesidades, control da ventilación e do fluxo térmico, localización dos aparatos de climatización ou das células fotovoltaicas e melloras decorativas. O resultado foi unha fiestra modular tremendamente flexible que pode ser modificada mediante a inclusión duns elementos ou doutros nunha base estandarizada. O excelente arquitecto xaponés Toyo Ito encargouse do deseño dun "Tabique Móbil" (Uralita, encargada da resolución da tabiquería en colaboración co arquitecto retirouse do proxecto na metade do proceso) . A proposta de Ito é sen dúbida excelente, mediante un sistema sinxelo (so utiliza dúas pezas que se combinan) resolve as necesidades deste tabique, que eran a mobilidade, a diversidade (pode incluír portas, fiestras ou incluso estantes), é un tabique doado de manipular, transportable (non usa guías para a súa fixación) e amais diso económico. O sistema resolvese mediante dúas pezas de aluminio que se poden combinar de múltiples xeitos que conforman a armazón do tabique, e que se recubrirían en función das necesidades ou preferencias do usuario. Lluís Clotet e Ignacio Paricio (o ideador de todo o "Proxecto Casa Barcelona") deseñaron en colaboración ca empresa Simón-Cimabox un chan rexistrable, baixo o que se poden tende-las instalacións eléctricas, de augas, de telecomunicacións, etc. Moi na liña do que ven sendo habitual nas modernas oficinas. Este sistema permite que as modificacións dos tendidos sexan moi flexibles e cómodas. A empresa vasca Fagor e o arquitecto francés Dominique Perrault abordaron o problema da cociña modular. Na idea de casa tan dinámico que se traza no "Proxecto Casa Barcelona", a cociña debía poderse situar en calquera lugar da casa e se fose preciso mudala de sitio sen problemas. O traballo de Perrault encamiñouse a deseñar un mobiliario que convertese en cociña calquera espacio no que se colocasen, e o resultado foron unhas especie de mesas con rodas nas que se poden acoplar os diversos elementos da cociña, fornos, fregadeiros, vitrocerámicas, andeis, etc. David Chipperfield (o arquitecto da nova sede da fundación Caixa Galicia en A Coruña) e a empresa de billaría Ideal Standard encargáronse do baño. Os obxectivos eran facilita-las reparacións sen implicar a diferentes oficios e aportar a meirande flexibilidade posible. Nesta proposta so o bidé e mailo retrete están ancorados ó chan, debido ás súas necesidades de evacuación, pero cabe lembrar que o chan e de tipo técnico e tamén poderías chegar a ser desprazados cunha obra moito menor que nas vivendas actuais, e tanto lavabo coma bañeira ou ducha son desprazables, esto pódese facer gracias ó deseño dunhas columnas de abastecemento autoestables, con billería adaptable ó aparello que servisen, e unhas tomas de evacuación que levasen a auga ó desaugadoiro. Os elementos deseñados non son demasiado diferentes a outros xa existentes no mercado, a operación de presentación dos mesmos na feira Construmat ten boa parte de operación de marketing das empresas participantes e algúns dos elementos, especialmente a fiestra, non son aínda o suficientemente competitivos como para desprazar ós actualmente empregados. Nembargantes o "Proxecto Casa Barcelona" terá unha gran importancia se esperta o aletargado debate sobre a vivenda, un espacio que nos afecta a todos, que supón o desembolso máis importante na vida dunha persoa e no que se pasará a nosa vida, e que na actualidade está comezando a mostrar sinais de inadaptación ás necesidades do mundo no que vivimos. Xa veremos se este debate que se inicia é o principio da solución
|
|
|
Ángel Sánchez González |
|
| Voltar ó principio da páxina | |